top of page

 

MANIFESTO DA ASOCIACIÓN QUEREMOS GALEGO MARÍN POLO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015

 

Un ano máis coa chegada da primavera, as primeiras calores e coa natureza en pleno abrollamento as e os galeg@s celebramos o 17 de maio, o día da nosa lingua, o día do galego. Un día ateigado de homenaxes e discursos baleiros de quen despois traballa para eliminar o idioma, mais tamén un día de festa e reivindicación para aquelas persoas e asociacións como a nosa que traballamos os 365 días do ano para dignificar a nosa lingua e cultura. Un día para sentírmonos orgullosos da nosa lingua.


Noutros anos o tecido asociativo a prol do galego celebraba este día homenaxeando a ou o persoeiro designado, mais este 17 de maio incluso nisto vén cargado de polémica pola figura a homenaxear, Filgueira Valverde, unha persoa cun pasado colaboracionista co franquismo. Un feito, este, que só pode pasar nun país onde os valores do anterior réxime seguen impregnando as institucións.
 

Un ano máis temos que constatar que a situación do noso idioma segue sendo delicada. Os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística indican unha diminución do uso do galego, fundamentalmente entre a mocidade e, xa que logo, temos que recoñecer que a situación da que partimos para recuperar galegofalantes non é a ideal. As políticas implementadas desde a chegada do PP ao goberno da Xunta, co decreto do plurilingüismo como bandeira, pretenden a diminución do uso e do prestixio do galego, chegando incluso a prohibir o ensino das matemáticas na nosa lingua. Mentres isto acontece temos que escoitar e ler reiteradamente declaracións grandilocuentes de conselleiras e conselleiros e do mesmo presidente da Xunta dicindo o moito que defenden o galego e que traballarán nun novo “consenso”, para o cal non contan con todos os axentes implicados no debate pola normalización da nosa lingua e do que exclúen o ensino.
 

Con todo, o idioma galego é unha lingua de futuro, un idioma útil pois serve para nos comunicar entre nós e para nos mover polo mundo. No Brasil, en Portugal, en Angola....e en calquera país europeo con emigrantes Galeg@s ou portugueses, temos a posibilidade de nos entender e de facérmonos entender. Temos un idioma que empregan grandes persoeiros da ciencia, das letras, da música, do cinema ou do teatro, que de contar con máis axuda e apoio institucional estarían noutra situación.

 

Filmes como “A esmorga” demostran que en galego se pode facer cine de calidade, atractivo e non só capaz de encher as salas galegas, senón mesmo de traspasar as nosas fronteiras e ser proxectada en versión orixinal noutras latitudes desmontando moitas mentiras e prexuízos que existen arredor do galego.

 

O mesmo que fixeron os nosos barcos pesqueiros descubrindo caladoiros polos mares do mundo o Pobo Galego ten capacidade de explorar novas estratexias, novas oportunidades, para amosar que a nosa lingua é do século XXI, pois sabe apreciar o que lle é propio como así o demostra cada vez que ten que saír á rúa para defender a lingua galega.

 

O galego precisa dun novo impulso, precisa de novas mans, de todas as mans, porque na súa defensa e promoción non sobra ninguén. Cómpre virarmos o rumo e poñer proa á intelixencia, o prestixio e ás posibilidades que nos dá unha lingua universal.

 

Este 17 de Maio desde Queremos Galego Marín chamamos a vivir en galego, a usármolo todos os días do ano, todos os días das nosas vidas e a estarmos orgullos@s do noso, orgullos@s do galego.

 

bottom of page